Tuesday 17 de September de 2024

Concello e Xunta desenvolverán un plan estratéxico para potenciar a actividade do Consorcio para a Promoción da Música


O obxectivo é reforzar e expandir a programación cultural xa existente e tamén apostar por novas vías de financiación

O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia traballarán conxuntamente na redacción dun plan estratéxico orientado a impulsar a actividade do Consorcio para a Promoción da Música nos vindeiros anos, co obxectivo de incrementar os ingresos económicos anuais do organismo.

Esta medida adiantouse esta mañá durante a Xunta de Goberno do Consorcio, na que se fixo fincapé no imprescindible de protexer a excelencia artística da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e tamén do seu proxecto educativo e didáctico, no contexto do programa SonFuturo e a Escola Municipal de Música.

A este respecto, subliñouse a importancia de abrir novas vías de financiación tanto para sustentar a actividade habitual do Consorcio como para reforzar a súa programación cultural. Unha das posibilidades ás que se apuntou hoxe foi a de apostar por iniciativas de colaboración público-privada con vistas a equilibrar, a curto e medio prazo, as contas anuais do Consorcio, para o que hoxe se aprobou un recoñecemento de crédito de 428.000 euros de cara a sufragar investimentos e contratacións correspondentes ao ano pasado.

Coa redacción deste novo plan estratéxico en colaboración coa Xunta, o Concello prevé recuperar o equilibrio económico do Consorcio e tamén expandir a súa actividade.